Grafía

Kooltura resesa.

novembro 16, 2004

É reaccionaria a beleza?

Un lugar onde todos os problemas estiveran solucionados e desapareceran todos os tabús sería un inferno. Pero esta afirmación tamén é tabú. Por exemplo, qué político se podería permitir dicir que o fan feliz os problemas sociais, culturais ou económicos, porque se non existiran el e máis o seu partido serían superfluos?
Na miña opinión, o perigo de que ese inferno caía algún día sobre nós é mínimo, pois de xeito instintivo nolas arreglamos para que, substituíndo aos tabús dos que nos liberamos cun xigantesco esforzo, aparezan como ameaza outros novos, que de momento non aprezamos como tales. Pero cun pouco de reflexión pódese, aquí e acolá, atopar signos que nos indican que escapan á "aprehensión falada" da maioría, e que polo tanto van adquirindo pouco a pouco o carácter de tabú.
É interesante observar ao respecto como proliferan nos últimos tempos, sobre todo nos Estados Unidos -onde os cidadáns, a causa do masivo consumo de televisión, que dura xa máis de cincuenta anos, están máis adestrados ca en ningún outro lugar para conceder ás características físicas dunha persoa o maior valor-, os estudios sobre as vantaxes que outorga a boa presenza. Ata se atopou unha denominación para esa acumulación de privilexios: "belismo". Fenómeno tan condenable coma o racismo ou o sexismo, e contra o que, ata o de agora, non se puido facer nada.
Está claro que os privilexios da xente fermosa non son unha novidade. Xa dixo Sócrates que aquel a quen se lle concedeu a beleza, "está destinado a chama-la atención". O novo é a intensidade con que triunfa hoxe día a beleza en tódolos terreos. Incluso a aceptación dunha novela dun autor descoñecido por parte dunha editorial depende con frecuencia do seu aspecto físico. Se se trata dunha persoa atractiva será máis fácil conseguir que apareza en entrevidas de televisión, as revistas literarias estarán máis dispostas a publica-la súa fotografa, e por tanto a súa obra será máis fácil de vender. Iso é válido igualmente para as demais artes. Aínda que Mozart sempre é o mesmo, resulta máis agradable oír (e ver) a Anne-Sophie Mutter que a outra violinista menos atractiva. Do que se trata realmente é de "facerse notar o máis posible". E a mellor forma de conseguilo na época da televisión e o vídeo é cunha boa presenza.
No pasado dicíase que a beleza está nos ollos de quen a contempla. É dicir, que os criterios para avalia-las vantaxes do aspecto exterior son subxectivos: quen non lle gusta a un pode gustarlle a outro. Ademais, a verdadeira beleza procedía "de dentro". Agora, grazas a unha nova disciplina -a investigación do atractivo- sabemos que hai criterios "obxectivos" para a beleza dun ser humano, que case todos recoñecemos. E certamente as sondaxes amósannos que as nosas regras supostamente persoais reflicten o grao en que é atractiva unha persoa non só nun país determinado ou dunha raza determinada. As mulleres e os homes belos dun país, ou dunha raza, sono tamén para os doutros países ou os membros doutras razas. Ata os lactantes con só seis meses de idade contemplan durante máis tempo a foto dunha persoa atractiva ca a dunha que non o é. Os nenos de doce meses xogan con bonecas bonitas, por termo medio, un trinta por cento máis que coas feas. E as persoas con danos no cerebro e os enfermos psíquicos xulgan exactamente igual que as persoas sanas a beleza dos rostros.
E non é o peor: respondendo ás preguntas dunha sondaxe, presupoñemos ás persoas clasificadas como "belas" outros trazos positivos, como o "carácter" ou a "simpatía"; e, por exemplo, cando falamos por teléfono con alguén de quen nos ensinaron unha foto atractiva, considerámo-la nosa conversa máis excitante que cando nos fan crer que é fea.
Pero o máis terrible é o feito de que ese instinto que nos fai dotar a unha persoa con calidades positivas en xeral acostuma estar xustificado. Como todo o mundo trata de modo máis amable e cariñoso aos guapos e ás guapas, desenvolven un carácter máis aberto e agradable. A indiferencia que amosamos cara os que non chaman a atención e pasan inadvertidos provoca na súa psique fondas feridas, e fai que recorran a trucos e mentiras con maior frecuencia que aqueles nos que, sen máis, nos fixamos.
Aínda que por regra xeral consideremos á xente guapa menos intelixente ca fea, iso non parece altera-la nosa preferencia polas primeiras. Sentímonos adulados cando unha persoa fermosas se interesa por nós. Témo-la impresión de gañar prestixio se se nos ve con ela. Tamén sentimos maior satisfacción ao vela. Os nenos guapos son máis festexados polos da súa mesma idade cos feos; xógase con eles máis tempo e máis a gusto. As persoas guapas teñen máis compañeiros no sexo, e unha frecuencia de coitos máis elevada entre os casados. En caso de enfermidade, aténdese mellor e máis rapidamente aos guapos ca aos feos. Médicos e psicoterapeutas dedícanlles máis tempo.
Todas esas circunstancias fai xa tempo que non son segrego para quen queira sabelas. O que por regra xeral seguen a silenciar os investigadores varóns do atractivo é o feito de que a obrigatoriedade de seguir sendo fermoso toda a vida, que ata agora preocupou principalmente ás mulleres, afectará no futuro tamén ao outro sexo. Sempre se nos dixera que o varón pode compensar un déficit do seu aspecto externo cultivando outras calidades -e todos sabemos de que estamos a falar. Pero esas outras calidades irán perdendo valor pouco a pouco no próximo milenio para a súa pontencial compañeira. Evidentemente, os trazos determinantes do atractivo do varón non son os mesmos que para nosoutras as mulleres. Son as costas anchas, os brazos fortes, as cadeiras estreitas, as pernas longas, os que fan que algúns homes teñan éxito entre nós; pero poden prescindir desas características físicas acumulando poder, diñeiro ou unha boa posición social, e por esa razón dise que un home non ten por que ser guapo. (Os bos mozos que se adestran nos ximnasios contan máis para xente do seu mesmo sexo.)
Coa diminución do tempo de traballo que nos agarda, como consecuencia da automatización en tódolos terreos, tamén aquí cambiarán algo as cousas. Dado que tamén nós -sen necesidade de descoidar aos nosos fillos- terémo-las mesmas posibilidades de ascenso na nosa carreira e o mesmo salario que os homes, tomaremos en conta cada vez máis na elección dos nosos compañeiros o seu atractivo externo, alomenos con tanta frecuencia como o fan hoxe en día os varóns con nós. Desta forma deixarémonos levar polo noso instinto biolóxico -como fan eles-, que nos prescribe elixir aos solicitantes máis atractivos e sans para a reproducción, porque iso asegura os descendentes máis belos e saudables.
A cirurxía estética sinala compracida un aumento do número de clientes varóns. Sen embargo, os homes que ata agora se decidiron a recorrer a ela fixérono principalmente para agradar ao seu xefe, posto que do seu éxito con este depende o seu ascenso profesional e deste último o seu éxito coas mulleres. No futuro, sen recorrer a ese atallo, os homes tratarán de nos resultar atractivos ás mulleres de modo directo, posto que o éxito profesional poderémolo obter por nós mesmas.
Pero a necesidade de beleza intensificouse cada vez máis tamén para nós. Antes só tiñamos que ser atractivas e belas ata que contraiamos matrimonio, e tralo nacemento dos fillos comúns nos podiamos abandonar sen temer unha perda de seguridade material. Cando non había divorcio, o esposo desencantado non podía castigarnos nen sequera co abandono do niño. Coa futura independencia en tódolos terreos, estamos condenadas, tanto na privacidade como profesionalmente, a permanecer belas eternamente. O noso compañeiro poderá abandonarnos en calquera momento por outra máis bela; o noso xefe poderá substituírnos cando se lle antolle por outra que resulte máis atractiva á clientela. O mellor que unha pode facer é pasarse polo salón de beleza á saída da oficina.
Está demostrado dende fai tempo que unha persoa atractiva ten maiores oportunidades de traballo. Por exemplo, os economistas Jeff Biddle e Daniel Hamermesh seguiron durante quince anos a carreira de dous mil avogados que remataron os seus estudios coas mesmas boas notas. "Consultores" aos que se lles presentaron as súas fotos clasificáronas dacordo cunha escala que ía desde "moi atractivos" a "feos". Máis tarde, os economistas citados compararon o seu aspecto físico coas súas gañancias e o éxito na súa carreira. Os resultados, publicados recentemente polo National Bureau of Economic Research, espertaron gran interese e demostraron que os xuristas que ocupaban o tercio superior na "escala da beleza" gañaban por termo medio ao cabo de cinco anos un nove por cento máis cos seus colegas do último tercio da escala, e que transcorridos quince anos a diferencia era aínda maior: os de maior atractivo físico gañaban un trinta por cento máis que os outros.
Este resultado coincide co de tódolos demais estudos levados a cabo -moi abundantes actualmente nos Estados Unidos- sobre as vantaxes profesionais da xente atractiva. Polo que se discutiu xa a cuestión de se se debe considerar ás persoas feas como diminuídos e dictar leis especiais para evita-la súa discriminación á hora de conseguir un posto de traballo. Pero como podería facerse? O estudo mencionado amosa que a discriminación dos feos non proviña necesariamente dos empresarios que os contrataban, senón dos clientes, que sempre elixían ser representados polos avogados de mellor aspecto. O economista Rober Topel, da Business School da Universidade de Chicago, é partidario de que se dicten leis que protexan contra a discriminación nos lugares de traballo, castigando ao empresario aínda cando se limite a ceder ás preferencia dos clientes posto que as ideas e feitos discriminatorios destes últimos son difíciles de evitar mediante leis.
Nisto radica o problema, que por desgracia pertence á categoría dos irresolubles. Contra as vantaxes que a súa riqueza garante a un ser humano, sempre se poderá facer algo, empregando unha solidariedade extrema: podemos expropia-la propiedade privada, nacionaliza-las fábricas, prohibi-las herdanzas, etcétera. Pero contra as vantaxes que a súa beleza garántelle a unha persoa case automaticamente, non existe vara máxica. Quen lle pode prohibir a unha muller que fique sen alento cando se lle achega un home atractivo? Como impedir que a un home se lle vaian os ollos tras unha muller fantástica?
As vantaxes que proporcionan o diñeiro, a fama ou o estatus social poden conquistarse, e están por tanto, alomenos teóricamente, ao alcance de tódalas persoas. As vantaxes da beleza hai que agradecerllas a unha característica conxénita, polo que a beleza humana é basicamente reaccionaria. En efecto, neste caso non se pode pensar en facer xustiza. Podemos obrigar á xente atractiva a afeitarse o cranio ou a que se vista con farrapos? E aínda cando así o fixesemos, seguirían sendo máis belos co resto. Debemos condenalos, mediante unha nova lei social, a sufrir en interese da igualdade de tódolos seres humanos algunha mutilación que os afee un pouco? Algo así como o que facían aqueles necios das irmandades estudiantís de Alemaña que -nuns tempos nos que os homes non tiñan que ser guapos- marcában o rostro nos seus duelos a sabre con horribles cicatrices? Imposible, verdade?
Non é o diñeiro o que domina o mundo, senón a beleza; así expresouse a guapísima Claudia Schiffer nunha entrevida concedida á revista Stern. Desgraciadamente se trata dunha verdade a medias. Dado que non só os pobres pouco atractivos, senón tamén as persoas feas e ricas, prefiren á xente guapa, os instrumentos de poder adquiribles, diñeiro, fama e prestixio, viven desde fai tempo en tan fatal simbiose con ese instrumento de poder conxénito que é a beleza que a miseria dos mediocres ou feos non fai máis que aumentar. Posto que a xente de diñeiro pode mercalo todo e a todos, os seus descendentes non só rematan sendo máis ricos que nós, senón tamén -se o destino colabora aínda que só sexa un pouquiño- máis guapos.
Unha persoa fermosa pode, grazas ao matrimonio, converterse en rica da noite para a mañá. Para que se produza o resultado inverso tárdase algo máis, pero está probado que remata por chegar. Os ricos, homes ou mulleres, casan case sempre con alguén que no aspecto físico está un ou varios graos por riba deles. De todos é sabido que os homes ricos ou famosos -sexa cal sexa o seu aspecto físico- inclínanse por mulleres belísimas. Se observamos aos cónxugues das princesas reais das monarquías europeas vemos que tamén eles foron elixidos con evidente pracer seguindo criterios estéticos. Nese caso, a muller non agarda do seu esposo un ascenso na escala social, posto que xa está na cumio.
Evidentemente eses triunfadores non actúan desa forma coa intención de enxendrar fillos máis belos, senón que o compañeiro mesmo é obxecto de concupiscencia. Pero o resultado acostuman ser con grande frecuencia fillos belos. E como estes, de novo, tratarán con persoas o máis fermosas posible -a fortuna xa a teñen-, ao cabo de dous ou tres xeracións xace en torno á piscina unha grande familia, e cada un dos seus membros podería gañar a vida no caso de necesidade traballando para o cinema. A boa presencia da maioría dos Kennedy é calquera outra cousa menos casualidade.
Como a beleza, nos poucos que contan coa súa bendición, esperta unha admiración difícil de resistir, as consecuencias desa selección son realmente arrasadoras. A historia de calquera desas dinastías do diñeiro -chámense Vanderbilt, Rockefeller, Patiño, Agnelli, Schneider, Krupp, Flick, Thyssen, ou de calquera outro xeito- alomenos en principio e ás veces tamén polo medio ou ao final está máis ou menos marcada polo crime. Pagaron salarios de fame, levaron nenos a traballar nas súas minas, escravizaron a negros ou asasinaron a indios, traficaron con armas, esmagaron violentamente as folgas, subornaron a políticos, ou incluso, nalgún que outro caso, colaboraron cun xenocida antisemita. "Detrás de cada grande fortuna agóchase un crime", dixo Balzac. Pero os rostros dos seus herdeiros, en vez de estar marcados polas malas accións e crimes dos seus antergos, non é raro que estean dotados da nobre beleza de deuses feitos homes.
Cando casualmente se atopa unha cun deses magníficos exemplares, custa traballo manter fría a cabeza. Certamente se sabe a que maquinacións e intrigas debe o seu anfitrión a súa posición social e o seu prestixio pero ao sentar xunto a esa persoa cunha copa na man, nunha temperada noite de verán, na terraza da súa vila xunto ao mar, e ao oír canta as cigarras no parque mentres se mantén unha conversa intranscendente, séntese unha posuída de tal xeito polo seu encanto que pode perder toda perspectiva razoable. Está claro que existen homes e mulleres cunha perfección tan grande que merecen un ambiente perfecto. Neste caso, quen se podería resistir?
Acontece como no retrato de Dorian Gray: sen querer, comeza unha a preguntarse se esa criatura perfecta, de trazos harmónicos, sorriso aberto, voz melódica e movementos elegantes, como o heroe de Oscar Wilde, terá tamén o seu retrato nun dos moitos cuartos da súa vila; un rostro no que se combina a brutalidade directa dos seus antergos coa indirecta do herdeiro, no que se fonde a activa rapacidade do fundador da grande fortuna coa pasividade do que se aproveita dela, nun rostro repugnante, como debería ser en nome da xustiza terreal.
Pero, como é natural, sería inútil buscar ese retrato: Dorian Gray non é senón unha figura imaxinaria creada por un moralista xenial. Na vida real tamén hai pobres fermosos, xa que por un lado non hai ricos suficientes para acaparalo todo, e por outro hai persoas que realmente non se deixan mercar. Pero precisamente os máis inocentes de entre nós son por desgracia dunha fealdad que tira a respiración, mentres que os máis culpables (por definición non pode haber ricos inocentes) non é raro que sexan dunha beleza que tamén nos deixa sen alento.
A cousa chega a tales extremos que en cidades como Milán ou Roma, por exemplo, tense a sensación de que a poboación está formada por dúas razas completamente distintas. Por un lado, as mulleres belas, de pernas longas e tez clara, que xogan caprichosamente co chaveiro do coche, e por outro as rapazolas repoludas, de formas groseiras e pel escura, que lles levan os paquetes das compras ata o elegante Alfa-Romeo.
"As rapazas máis bonitas non viven en Estocolmo, Londres ou París -fai dicir Godard, no seu filme A Boute Suffle, a Jean-Paul Belmondo-, as rapazas máis bonitas se atopan en Lausanne". Como podería ser doutro xeito?. Na Suiza francesa están os colexios aos que a nosa rica aristrocracia envía aos seus herdeiros a prepararse para a súa extraordinaria vida. O perigo de que dean alí con xente inconveniente é extraordinariamente reducido, algo de grande importancia nos anos de xuventude. Unha educación coidada agudiza a sensibilidade. Os xoves herdeiros poderían ter fácilmente pensamentos desencamiñados... e preguntarse, por exemplo, como é que uns semellan ter sempre demasiado e outros demasiado pouco. Nun ambiente aducado conséguese con maior facilidade o salto do rico fogar familiar á voda millonaria, sen se decatar sequera dilo.
No capítulo quinto falamos das vantaxes da estupidez humana. Aquí debemos mencionar de novo que as persoas belas posúen con maior frecuencia esa calidade vantaxosa, e tamén por esa razón élles máis fácil emparentar por matrimonio cunha familiar rica, pero non para que nazan millonarios tontos. Non hai nenos insensibles e carentes de fantasía. O imaxinativos que cheguen a ser na súa vida posterior -simplificando moito a cuestión- depende da cantidade e calidade de estímulos que reciba a súa fantasía conxénita; a sensibilidade que desenvolvan depende, tamén, da cantidade e profundidade das feridas que reciba a súa psique.
En caso de que sexan demasiadas o suxeito non poderá recuperarse: volverase letárxico e apático (desolación que se aprecia sempre nos nenos criados en orfanatos). Se os seus estímulos son "demasiado poucos", os seus sentidos adurmíñanse, a súa sensibilidade non pode madurecer e manterase a un nivel baixo. Se alcanzan unha cantidade e ritmo "correctos", a súa sensibilidade agudízase cada vez máis, e a súa imaxinación, as súas ocorrencias, a súa capacidade de comprensión e o seu instinto serán cada vez mellores (isto explica a cifra extraordinariamente alta de persoas de orixe xudeu de grande sensibilidade: entre os xudeus das capas medias e baixas, sobre todo en tempos pasados, non cesaban de producirse danos psíquicos. "Suiza é o país no que ata os xudeus se volven parvos", afirmou o escritor suizo Adrian Durel. De feito, naquel país o antisemitismo era menos frecuente que en ningunha outra parte, ata que se lles esixiu a devolución dos bens xudeus).
Neste triste mecanismo suponse que está a clave da limitada intelixencia das persoas máis fermosas: raramente son feridas. Certo é que hai xente extraordinariamente bela e sen embargo xenial. Pero cando se estudia a traxectoria da súa vida, é frecuente topar algunha grave enfermidade que os mantivo illados durante anos, ou unha educación sádica nun internado relixioso, un fogar especialmente pobre, ou algunha outra anomalía que provocou as súas feridas psíquicas. A regra é non obstante que o encanto dunha persoa bela fascina de tal modo ao seu entorno que en vez de adquirir complexos e recibir continuamente novas feridas psíquicas, como acontece coas demais, de modo consciente ou inconsciente non fai máis que recibir louvanzas. O dito de Sócrates sobre a vantaxe da beleza segue sendo tan válido como sempre: cando se trata dunha persoa verdadeiramente fermosa, abonda o seu simple presencia para que se converta en centro de atención.
Esa sensibilidade subdesenvolvida é a que fai posible que as persoas belas vexan as cousas menos co corazón que coa cabeza cando se trata de elixir compañeiro/a. A diferencia do resto, poden ser felices tamén sen paixón. Non lles falta de nada. Así como o diñeiro nos fai fermosos, a beleza atrae o diñeiro.
E os demais, qué facemos? No último século deste milenio aprendemos con dor que de nada serve desposuír aos ricos. A experiencia demostrou que nos chamados "países desenvolvidos" ás capas inferiores sempre lles vai mellor se deixan que as superiores apañen todo o que poidan. A este tipo de resignación chamóuselle "a superioridade do mercado libre". Tamén comprendemos, ao mesmo tempo, que non podemos facer nada contra a xente fermosa. Incluso se estivesemos dispostos a iso non 0 poderiamos facer. O poder da beleza é tan grande precisamente porque ao vela non nos sentimos roubados, senón coma se nos regalasen algo.
"If you can't fight them, join them", din os norteamericanos. Se non podes loitar contra eles, únete a eles. E así, a falta dunha estratexia efectiva, o que facemos é tentar mellora-lo noso valor no mercado tratando de imitalos. Vémolos con tanta frecuencia como nos é posible no cinema ou a televisión, contemplamos nas revistas as súas fotografas cheas de esplendor, estudiámo-las súas entrevistas, para saber como e onde viven, que e onde comen, como e onde mercan, como son as súas casa, con que se divirten e ónde viaxan.
E comezamos a imitarlos sistemáticamente: vestimos roupas que se asemellan ás súas, conducímo-los autos que anuncian, cortámo-lo cabelo e peiteámonos como eles, usámo-las cremas e sombras de ollos que nos recomendan nas súas campañas de publicidade, amañámono-lo nariz para que se asemelle ao seu, imos aos ximnasios para estar en forma e ter corpos semellantes aos seus, viaxamos aos lugares que frecuentan, imos aos bares e cafés onde nos serven as bebidas coas que gozan.
Dese modo facémolos, a eles e á súa cuadrilla -os donos dos estudios, das revistas para mulleres e homes, dos hoteis e restaurantes, das empresas téxtiles e de cosméticos, e das fábricas dos autos que anuncian- un pouco máis ricos, aumentando cada vez máis a distancia entre eles e nós. Pero con todo iso non aumentámo-la nosa beleza. Ou, alomenos, non nos volvemos verdadeiramente fermosos como o son eles.
Un día non moi lonxano, neste novo milenio que agora comeza, saberán incluso vendernos un momento de descanso nesta carreira deseperada que nunca poderemos gañar: "Veñan ó noso novo Teherán Hilton! Descansen por uns días de vacacións co rostro cuberto por un veo!" E, naturalmente, habemos de ir!


(De 'Denkverbote', Esther Vilar, 1998)

A negrita é de servidora.

3 Comments:

At 9:42 da tarde, Blogger FREAC said...

Même si je suis top
Ne soyez pas myope
Et vous verrez que le meilleur
Se trouve à l'intérieur

É o que diz a cabrona da Carla Bruni :)

Sub. H.

 
At 7:27 da manhã, Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um gestor do blogue.

 
At 5:49 da tarde, Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido pelo autor.

 

Enviar um comentário

<< Home

|