Despois da escola, pasa nos pubs.
Mallar na xente rara é un hábito que se adquire no recreo, pero que se refina de camiño á casa.
Colin Richardson, Segunda Feira 15 de novembro do 2004. The Guardian.
"Os demais rapaces chamábanme maricas. Eu non entendía por qué". Eu si. Entendía perfectamente o que querían dicir.
Martin era o meu mellor amigo cando eramos rapaces. Era un rapaz extraordinario. Un artista e un músico privilexiado; era sensible, etéreo, case doutro mundo. Precisamente por esas mesmas cualidades que o facían tan especial, era polo que mallaban nel.
Incluso sendo un rapazolo de sete anos, sabía instintivamente que ser un home era un asunto complicado e que eu non era moi bo á hora de conseguilo ser. Despois de que os abusóns se meteran comigo brevemente cando comecei a escola primaria, descubrin polas malas que procurar axuda dos adultos non servía para nada. Tendo en conta que eu era un garabullo, poñerse ghicho non tiña moito sentido. Así que decidín facerme invisible.
Durante os meus días na escola fixen todo o posible para evitar chamar a atención. Funcionou pero a custa da miña auto-autoestima, que ven sendo como mallar nu mesmo. Conformeime pensando que todo melloraría cando fose maior e rematara na escola. Non sabía o que me esperaba!
O que lle chaman hoxe en día a síndrome do abusón homófobo non é algo que fique restrinxido ao patio do recreo: e non só o sufren os nenos gais. Un dos insultos mais populares no patio do recreo hoxe en día é 'gai', que, igual que o 'maricas' dos anos 70, non quere dicir tanto homosexual coma diferente e feble. Na mente dos abusóns son 'gais' aqueles que non respostan ás súas provocacións. Con esa amplitude de miras non é estraño que os abusóns comecen a ver a xente gai coma xente vulnerable, que merece que mallen nela.
Resultou que eu me convertín nun home gai, pero o meu amigo Martin non. E a miña esperanza de que deixaría de lle ter medo aos adolescentes cando fose maior non se cumpriu.
Tiña vinte e moitos cando me topei por dúas veces con pandillas de adolescentes que andaban a meterse cos gais. As feridas físicas que apañei foron leves - dous dos meus amigos non tiveron tanta sorte- pero o impacto psicolóxico foi inmenso.
As dúas veces era de noite, moi tarde, cando xa pecharan os pubs. Os asaltos estiveron potenciados polas hormonas e pola borracheira - algo típico das orxías de alcohol habituais nas fins de semana. Pero empezan a aparecer casos que indican que non só se agrede aos gais nesas ocasións. As denuncias de agresións homófobas teñen dous picos ao longo do día. O primeiro, como era de esperar, de madrugada. Pero o outro, un pouco máis frecuente, ocorre á saída das clases. Mallar nos gais é algo que se aprende no recreo pero que se refina de camiño a casa. O bus de volta a casa pode meter tanto medo como o bus nocturno.
Esta semana foi escollida como a Semana contra os Abusóns, e mentres volve aparecer nas novas a violencia contra os gais, non podería ser máis apropiada. Con ocasión desta semana, o goberno vai publicar novas normas para reducir a síndrome dos abusóns homófobos.
O ministro de educación, Stephen Twigg, que foi el mesmo víctima dos abusóns homófobos cando era pequeno, di que a iniciativa xorde despois de que descubrira que só o 6% das escolas teñen conta deste tema, tanto entre os alumnos como entre os profesores.
Os resultados dun enquerito con 877 nenos de noveno e décimo (entre os 13 e os 15 anos) e os seus mestres debuxa a escala do problema. Dous tercios dos nenos e tres cuartos dos mestres dixeron que tiñan detectado abusóns homófobos, pero só o 13% dos alumnos sabían cales eran as regras ou o procedemento para previr ese comportamento ou para castigalo. E mentres que un cuarto dos alumnos foran víctima de abusóns homófobos, só o 20% deles llo chivara ao profe.
Pero se as escolas non son quen de controlar aos abusóns dentro das aulas, aínda fan menos para controlalos fora das cancelas da escola - maiormente porque non hai nada que poidan facer. Un xuizo de hai dous anos confirmou que as escolas teñen moi pouca xurisdicción para controlar o comportamento dos seus alumnos fora das súas instalacións.
O próximo sábado, o comisario adxunto Brian Paddick, o policía de máis alta gradación abertamente gai da Britania, vai dar unha charla a un grupo de mestras lesbianas e mestres gais na conferencia 'Orgullo no Ensino' organizada pola Unión Nacional de Mestres. Este diálogo entre mestres e axentes de policía semella ser un paso adiante. Se as escolas non poden controlar o comportamento dos alumnos fora das súas horas, a policía si que debe facelo.
Levar aos cativos á casa en coches da policia, por moi tentador que puidese ser, non é a resposta. Pero, a medida que entramos na nova xeira de policía de barrio prometida polo ministro do interior, na que lle poderemos facer unha chamada ao mobil ao noso propio policía, deberíamos atopar un punto intermedio entre non facer nada e chamar polos anti-disturbios.
Deberíamos pensar en mudar a lei que impide que a escola teña algún tipo de autoridade sobre o que pasa no tempo no que os alumnos van da escola á casa e viceversa. Mentras tanto, non estaría de máis que a policía botara un ollo fora das portas da escola, no bus ou nas rúas. Dixon da Grange Hill, isto é para ti.
Colin Richardson é un antigo redactor do Gay Times.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home