Grafía

Kooltura resesa.

Outubro 08, 2004

¡DEUS SALVE Ó DUQUE DE LUGO!
Unha aproximación á figura de don Jaime de Marichalar polo malogrado Dildo de Congost.
Mi majestad
Espero no ofenderlo ni irritarlo majestad
pero mi deseo es casarme con su hijita majestad. (...)
Quizá yo no sea el yerno que soñó mi majestad".
Albert Plá, "Carta al Rey Melchor".

Últimamente cando escoito música punk, unha imaxe clara como un ceo sen nubes ilumina a miña media neurona: é a estampa de don Jaime de Marichalar, estrafalariamente vestido con trapiños de Prada, Gucci e Dolce & Gabbana. E dígome a min mesmo que, tal vez, o meu cerebro engáname ou que xa non sei distinguir entre realidade e alucinación: cando debería pensar en Sid Vicious, vou e penso en Marichalar; ¡teño que deixar de ler o "Hola", que me estou volvendo toliñooooo!. A miña mente obsesiva pensa e pensa en Marichalar cando a vella agulla do tocadiscos machuca vinilos de Exploited, G.B.H. ou Kaka de Luxe. E eu vexo pequenos Jaimitos de Marichalares que dan voltas arredor da miña cabeza e murmúranme ó oído frases que farían ruborizar ata ó mismísimo G.G. Allin. Exclamacións como "¡Fidel Castro asasino!" ou "¡Fidel Castro maricón!". Por iso decidín non seguir reprimindo os meus impulsos, facer caso ó meu sentido arácnido e repasar a traxectoria deste Grande de España, a ver se encontro unha resposta lóxica á absurda e ridícula pregunta que me quita o soño: ¿será Jaime de Marichalar a ovella punki da familia Real? Non o creo pero, cegado pola curiosidade, métome en internet, no Google, e busco webs que falen do fenómeno Marichalar. A máis fiable semella www casareal es. Pincho, entro e isto é o que pon: "O Excelentísimo Señor don Jaime de Marichalar e Saénz de Tejada naceu en Pamplona, Navarra, o 7 de abril de 1963. Realizou os seus estudios nos colexios dos Xesuitas de Burgos, San Estanislao de Kostka e na Yago School de Dublín, Irlanda". Ata aquí todo ben: non vexo indicio algún de punkitude na biografia de Don Jaime. Sigo lendo: "A súa formación académica orientouse cara o campo da Economía na especialidade de Xestión de Empresa e Márketing. En 1986 ampliou os seus estudios realizando prácticas en diversas entidades financeiras de Paris, onde residiu de solteiro e durante os primeiros anos do seu matrimonio. Tras uns anos de traballo no sector de mercados financeiros de ámbito internacional, foi nomeado, en xaneiro de 1998, manager director senior advisor de Crédit Suisse First Boston en Madrid, onde viven os Duques de Lugo dende ese mesmo ano. Igualmente, preside a Fundación Winthertur, que impulsa numerosas actividades culturais". Ben, iso das actividades culturais empézame a soar raro para un Grande de España, por moito que o Príncipe de Asturias sexa (como aseguran a súa prometida e Dragó) un grande lector. Pero, ben, non deixa de ser algo anecdótico. Sigamos....
"O 18 de marzo celebrouse na Catedral de Sevilla o seu enlace matrimonial con S.A.R. a Infanta Dona Helena. Teñen dous fillos, Felipe Xoán Froilán de Tódolos Santos, que naceu o 17 de xullo de 1998, e Victoria Federica, nada o 9 de setembro de 2000, ambos en Madrid". Ben, isto xa é do máis normal e incluso ata un pouco aburrido.... E para colmo só resta unha liña por esni.... por ler, quero dicir. "Practica varios deportes, como a equitación ou o esquí". Nada, todo ben. Máis que ben, perfecto. Tal vez demasiado... Así, cando se anunciou o enlace entre Jaime e S.A.R. a Infanta dona Helena María Isabel Dominica de Silos de Borbón e Grecia, informóusenos de que o futuro Duque de Lugo era un mozo serio, calado, tímido, que falaba varios idiomas e que o que máis lle gustaba no mundo era pasar inadvertido. Ese home, viu materializados os seus soños ó casar coa bisneta do seu idolatrado Alfonso XIII, o home, que, nunha noite de 1919, pernoctara no seu fogar familiar, nunha habitación que se conserva tal e como estaba naqueles tempos. Os cronistas reais, con Jaime Peñafiel en cabeza, eloxiaban o saber estar, os exquisitos modais e o impecable gusto no vestir que fixeron de don Jaime (de Marichalar, que non de Peñafiel) un home moi valorado polos monarcas de toda Europa, que se derretían co seu brillante estilo, a medio camiño entre Felipe de Edimburgo e Henrik de Montpezat. Jaime de Marichalar non só se converteu no perfecto esposo de dona Helena, senón que lle contaxiou a súa afección á moda (vestíndoa como unha verdadeira princesa) e tamén o seu sentido do humor. Porque aínda que, efectivamente, don Jaime respondía á imaxe seria (aínda que amable) que pedía o seu estatus dentro da Familia Real, na intimidade sempre fixo gala dunha irreprimible vis cómica. Sen embargo, pouco a pouco, tras esa aparente normalidade os fans de don Jaime empezamos a percibir certas mutacións na súa indumentaria, na súa cara e no seu comportamento. Como se se tratara dun guión de Cronenberg, a existencia de Marichalar ten un inicio convencional que, pouco a pouco, descende ás profundidades da mente humana. Como certos personaxes de Cronenberg, como eu mesmo e tal vez como vostede, Marichalar é un anti-heroe moderno emocionalmente distanciado que, obsesionado pola normalidade e a diferencia, loita en ván por manter a súa estabilidade mental. Marichalar empeza a sufrir mutacións físicas que, sen dúbida, obedecen a violentas tempestades internas. No verán de 1999 sobresaltoume a imaxe de don Jaime paseando pola Costa Azul en compañía da súa esposa cuns disparatados pantalóns estampados en flores azuis e brancas, do deseñador norteamericano Tommy Hifiger. Primeiro indicio de punkitude (dandy, pero punkitude despois de todo) na figura de don Jaime: fronte á rigorosa sobriedade que lle caracterizaba, o atuendo de Jaime rebélase como o traxe de Spiderman tralas "Secret Wars" e, nos seus momentos de ocio, transfórmase nun caos multicolor que é case un desacato á monarquía á que , por lei, pertence. Tamén comeza a observarse un cambio no carácter do xenro do Rei de España: da introversión á extroversión, do encerro e o illamento a un furtivo noctambulismo que o leva a ser un habitual de festas privadas en compañía doutros famosos e case sempre sen a súa esposa. Isto, claro está, sen descoidar en ningún momento as súas obrigas diurnas, o que o conduce a un vertixinoso "way of life" que tamén foi "in crescendo" e que remataría por desembocar en fatais acontecementos. Iso tamén é un síntoma da alma punk e do espírito de contradicción: fronte ó estilo de vida relaxado e case desocupado que rexe os costumes da Casa Real, don Jaime convértese e un adicto ó traballo, ós acontecementos sociais, ás pontes aéreas e ós after hours de alto copete. Vexamos un exemplo de como era un día calquera na vida do Duque de Lugo antes da hemiplexía, alá polo ano 2000: chega a Sevilla, directamente dende Miami, para dirixir a presentación dun libro de Alfonso Ussía na Fundación Winterthur que el preside; cea e vaise de marcha con Ussía e os demais ata as mismísimas tantas. Ás 7 da mañá, case sen pegar ollo, colle un avión para enlazar en Barcelona cun voo de Milán, onde tiña unha reunión do banco Credit Suisse First Boston do que é director executivo. Poucas horas despois colle outro avión e vai a Zurich, a cear cuns señoritos da banca suiza, ós que convence para levar "O barbeiro de Sevilla" do Teatro da Maestranza a un escenario de Xenebra e, tras a estrea, volve a coller un avión para ir a Singapur e voltar ó día seguinte para acompañar á Infanta a unha cea de gala en Palacio. E, entre acto e acto, don Jaime aínda saca tempo para ir co Rei a unha inauguración, asistir coa Raíña a un concerto, cun amigo ó ximnasio, coa infanta a salóns do cabalo, a reunións con oene-gés, a corridas de touros con amiguetes ou a un partido de fútbol do Real Madrid co seu vástago Felipe Juan Froilán. ¿Cómo lograba Marichalar estar en todas partes cal semideus da monarquía? ¿Cómo aguantaba o seu corpo tanto trasiego, tanto acto, tanta party, tanta obriga e tanta devoción? Pode que, algún día, José Avelino Barros (xefe do servicio médico da Casa Real) teña que dicir algo ó respecto. Eu non podo máis que intuilo... e calar. O caso é que o 22 de decembre de 2001, o castigado organismo de don Jaime dixo "¡abonda!" e o seu cerebro fixo ¡catacrac!. Marichalar estaba no ximnasio próximo ó seu domicilio, queimando graxas e toxinas nunha bicicleta estática. De repente, nada: houbo un fundido en negro e don Jaime foi trasladado á Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Gregorio Marañón: sufrira un infarto cerebral por falta de rego na parte dereita do cerebro e, como consecuencia desta situación, perdera a mobilidade na parte dereita do corpo. Faltaban poucos días para a noiteboa. Os seus fans, que permaneciamos en vela á espera de noticias, fomos informados de que o noso ídolo estaba en estado grave, entubado e con respiración mecánica asistida en espera de ver a súa evolución. Ademais, os médicos dixéronnos que, de momento, non se propuxera ningunha intervención cirúrxica e que consideraban moi remota a posibilidade de que o paciente puidese sufrir futuras complicacións como un edema cerebral. Pero, segundo engadiron os matasáns, co tempo as secuelas que o infarto cerebral puidésen producir a don Jaime poderían ser maiores das estimadas nun principio. E realmente o foron. Dalgunha maneira, a hemiplexía acelerou a mutación que xa sufrían o corpo e a mente de Marichalar. O seu rictus e a súa ollada eran os dun posuído, o seu atuendo cada vez máis excéntrico e o seu comportamento decididamente incontrolable. As causas do infarto cerebral (unha doenza máis propia de anciáns que dun "xove" de 38 anos como don Jaime) nunca ficaron claras, aínda que moitos plebeios intuíano. O insoportable cantautor urbanita (e medio comunista) Joaquín Sabina sufriu no seu cerebro o mesmo jamacuco que Marichalar e tivo a ousadía de dedicarlle unha canción. A familia Real pasou un nadal negro, coa alma en vilo e unha Infanta Helena nun constante ir e vir ó Hospital para estar co seu marido. O duque de Lugo, contradicindo as sombrías e pesimistas previsións médicas, foi evolucionando pouco a pouco e, 19 días despois, puido ser trasladado ó seu domicilio: sentou no asento dianteiro do coche oficial e saudou co seu característico aceno (sorriso e cello engurrado) ós xornalistas e ás persoas que vía pasar a través da xanela. Voltara a nacer... en tódolos sentidos. Despois deste susto, Marichalar non puido máis que pasar varios meses centrado na súa saúde, sometido a un longo proceso de recuperación que o mantería afastado do seu traballo e das súas festas. Tras unhas merecidas vacacións en Mallorca chegou setembro e o Duque de Lugo puido retomar os seus compromisos profesionais. Acompañado de varios membros de seguridade , dirixíuse andando tranquilamente ó traballo como un señor, ante a atenta ollada dos transeúntes. Don Jaime vencera a enfermidade... e semellaba facer as paces co seu cerebro. Lento pero seguro, o Duque regresou á súa atarefada existencia... e ós seus hábitos de sempre. Ata que en xuño de 2002, cando facía outra das súas viaxes-lóstrego nun voo de Iberia de Madrid a París, Marichalar sufriu un alarmante desvanecemento no avión, froito dun amago de isquemia cerebral. ¡E volta ó Gregorio Marañón! O equipo do hospital decidiu non facer público o parte médico do Duque de Lugo porque, segundo afirmaron, "a situación non o require", o cal deu lugar a outra chea de lendas urbanas sobre as posibles causas da cualificada como "crise illada en relación coa isquemia cerebral que padeceu o pasado 22 de decembro, sen que nesta ocasión vóltese a rexistrar un infarto". Tras recuperarse rápidamente deste segundo susto, Marichalar saíu do hospital polo seu propio pé, sonriu cun aceno desencaixado ós plebeios que se atopaban en plena rúa e respondeu amablemente a quen lle preguntou polo seu estado de saúde cun "moi ben, gracias". Logo, moi serio, montou no asento de copiloto dun coche oficial e foise tan pancho. Nesta ocasión, o Rei e a Raíña, segundo informou a Casa Real, non se desprazaron ata o centro sanitario "para non interromper o normal desenvolvemento das actividades deste hospital". Lendo entre liñas, podemos ver o primeiro xesto de frialdade por parte dos Reis cara á ovella punki da súa real familia. Non hai que xurar que , unha vez na rúa, Marichalar voltou ás andadas como un Jabato. Ata tal punto que incluso tivo forzas para deixar embarazada por terceira vez á Duquesa de Lugo, a dona Helena: un neno que non sería infante, pero si Grande de España (ben, de momento, Pequeno de España) e recibiría o tratamento de Excelencia. Nestes momentos, primavera do 2003, os Duques de Lugo vivían en Nova York, onde levaban unha vida relaxada e festiva, para que Marichalar se recuperase dos seus precoces achaques. Sen embargo, a fatalidade volta a visitar á feliz parella cando, a finais de xuño, dona Helena sofre un aborto en Madrid e perde ó que sería o seu terceiro fillo. Nese momento, a mutación de Marichalar xa está moi avanzada: o seu comportamento é incríblemente estraño, o seu atuendo está máis perto dun personaxe de Jaques Tati mesturado con Hunter S. Thompson que do dun verdadeiro duque (aínda que mantén intacta a súa alma dandy) e o seu humor está cheo de altibaixos. Converteuse nun ser extravagante, inquietante e, si, bizarro. Ademais de sorprendernos cos continuos e inexplicables vaivens do Duque con ou sen a súa esposa, os lectores do "Hola" ficamos pampos de admiración ó velo coas súas pintas, montado en patinete e cun físico xa decididamente sinistro: máis que un Duque de Lugo semella un Conde Drácula neopsicodélico. A verdade é que mola, e eu empezo recortar todo o que sobre el aparece en prensa escrita, ó igual que fago con Michael Jackson ou calquera outro dos meus ídoos pos-cronenbergianos. En agosto de 2003 entérome, a través de internet, que Marichalar montou un cristo en Nova York, nunha gala benéfica que suporía para el o mesmo que para a Carrie de Stephen King a súa festa de graduación ou para os xémelgos de "inseparables" a entréga de premios á que Bev chega ebrio: é, en definitiva, o detonante final que evidencia a súa condición de persoa mutante. Estes foron os feitos, máis ou menos, segundo os lin en webs de tan diferente signo como o de Corazón Gay, o do diario Gara ou o do New York Magazine: parece que o Duque de Lugo abandonou con caixas destempladas e por "motivos políticos" unha cea benéfica que se celebrou en agosto de 2003 no Watermill Center de Nova York, unha prestixiosa institución fundada polo músico e dramaturgo Robert Wilson para promover novos creadores de todo o mundo. Segundo o New York Magazine, o xenro do Rei botou en cara a uns artistas cubanos que no seu discurso non criticasen a Fidel Castro. Un deles, Damián Aquiles, contestoulle que "se metese nos seus asuntos" e engadiu que non precisaba que ninguén lle dixese "como é a vida na illa". Perante a atónita ollada de personalidades como Calvin Klein ou Barry Diller, que estaban presentes na cea, Don Jaime tivo que ser "acompañado" á rúa por Bianca Jagger, unha amiga da súa esposa, a infanta Helena, mentres berraba que Castro era un "asasino" e un "maricón" en medio dun murmullo considerable, sempre segundo o medio antes citado. A todo isto, o embaixador español agochábase nos urinarios, agardando que todo rematase. Esta foi a versión do New York Magazine, mentres que a explicación que deu o propio Marichalar en privado e ante o Rei foi lixeiramente distinta, afirmando que, efectivamente, se achegou á mesa dos organizadores do acto para comentárlles o seu desacordo co feito de que algunhas intervencións se politizasen en presencia da súa esposa, a infanta dona Helena, pero que en ningún caso levantou a voz nin menosprezou a figura do presidente cubano; tamén negou o Duque de Lugo que abandonase a cea de forma abrupta e engadiu que todo o misterio de saír da festas coa Jagger consiste en que son veciños, pois vive no mesmo bloque de vivendas que don Jaime e a infanta. En fin, sexa o que for, despois deste barallete internacional, o duque de Lugo regresou coa súa esposa a España e, tras unha breve estancia en Madrid para repoñer forzas, viaxou a Mallorca xunto á súa familia para pasar uns días cos Reis no Pazo de Miravent. Os monarcas recibiron con ledicia á súa filla e ós seus netos, pero amosaron unha extrema frialdade cara Marichalar quen, á súa vez, foi de mala gana a Mallorca, cun ambiente que lle parece (nas súas propias palabras) "pouco distinguido e demasiado mariñeiro". O Rei, a pesar de ser unha persoa tratable, tolerante e aberta, esixe seriedade ós membros da súa realísima familia e amosouse extremadamente molesto co extravagante comportamento do seu xenro. Non é estraño: a mutación de don Jaime chegara a un punto de non retorno... e xa non podía ocultala. Últimamente, segundo contan fontes próximas á Casa Real, Marichalar antepón a súa axenda particular á súa presencia en actos importantes xunto á súa esposa, négase a asistir ás regatas da Familia Real, amósase distante, receloso e contrariado ante a prensa mentres a súa esposa reparte sorrisos a fotógrafos e xornalistas, aparece en actos públicos con chamativas manchas no seu traxe... En palacio asegúrase que algo rachou na química entre sogro e xenro e, aínda que por ambas partes gardan escrupulosamente as formas, o Rei a duras penas pode conter e disimular a actitude fría e distante cara o Duque de Lugo. Tal vez o responsabiliza, en certa maneira, da mala cara que ten a súa filla, a infanta dona Helena, que nos últimos tempos semella estar extremadamente delgada e algo triste, como se fose víctima dun enfermizo vampirismo físico e emocional. A día de hoxe, a prensa nacional (dende o cronista palaciego don Jaime de Peñafiel ata os medios "rosas" pasando polos diarios máis serios) cada vez son máis implacables con Marichalar: critícano sen piedade, están pendentes do que di, fai e deixa de facer, da súa roupa, da súa cara, dos seus xestos... Xa hai todo tipo de rumores e conxecturas sobre a súa figura: que se ten unha crise matrimonial, que se o viron non-sei-ónde, que se non-sei-qué, que se se meteu non-sei-cántos.. Todo mentira: o único que acontece é que Marichalar sufriu un profundo cambio. Agora é un ser distinto, único, incomparable. E, como sempre, a prensa persegue, calumnia e critica o diferente, o anómalo... O mediocre vulgo non se dá conta de que, pouco a pouco, Marichalar vai gañando a pulso a categoría de perfomance vivente, de dandy paranormal, de heroe metabizarro. Agora, por fin, é un verdadeiro Grande de España. Na miña humilde e plebeia opinión, o máis grande... Si, incluso por riba do Duque de Feira Junior asistindo a unha festa en Pachá con crista postiza, zapatos casteláns e chupa de coiro recién estreada. Definitivamente, o Duque de Lugo é a quintaesencia do dandismo punk. E eu non podo máis que exclamar. ¡Que viva o Marichalar do patinete e os avións! ¡Longa vida á nova carne! ¡Bang!
Real Servicio de Atención ó Cliente de Congost: dildodecongost@hotmail.com

(De "Mondobrutto nº 31, inverno 2004)

4 Comments:

At 7:47 AM, Anonymous Anónimo said...

Cool blog you have. I have a bach courante cello
related site. Check it out if you get a chance. The URL is bach courante cello

 
At 6:24 PM, Blogger Roberto Iza Valdes said...

Esta mensagem foi removida por um administrador do blogue.

 
At 7:08 AM, Blogger Roberto Iza Valdes said...

Esta mensagem foi removida por um administrador do blogue.

 
At 1:45 AM, Blogger Roberto Iza said...

Dear administrator:

Some of our comments above may include links that are no longer valid or that do not have a nofollow value. They might very well lead you today to a third party. Therefore,
I ask you, if you would be so kind, to please delete or disregard those
comments.

Many thanks and best wishes,

Iza, Roberto Iza

Muy Señores Míos:

Algunos de nuestros comentarios incluyen vínculos rotos o que bien pudieran llevar hoy a una tercera persona. Por tanto, le rogamos, por favor, que los deseche o desestime.

Gracias y recuerdos

Iza, Roberto Iza

 

Enviar um comentário

<< Home

|